Dende Arco Teo temos o pracer de anunciar o noso 1º Torneo de Nadal, un evento festivo pensado para desfrutar do tiro con arco en familia.
Esta xornada está deseñada para todo o alumnado da Escola Municipal de Arco do Concello de Teo e para as arqueiras e arqueiros noveis do club. É a oportunidade perfecta para poñer en práctica o aprendido, compartir experiencias e, sobre todo, pasalo ben nunha contorna amigable e motivadora.
📅 Datos clave do evento
- Data: 20 de decembro de 2025
- Lugar: Pavillón Polideportivo da Ramallosa
- Horario: Recepción ás 16:30h; quecemento ás 17:00h
- Custo: Evento gratuíto
- Data límite de inscrición: 14 de decembro
- Bases do torneo
🎯 Como será a competición?
O torneo rexerase pola normativa oficial de World Archery en canto a seguridade e terá dúas fases:
- Fase clasificatoria: Unha serie de 30 frechas para demostrar a técnica de cada participante.
- O Gran Reto “A Contra Reloxo do Grinch”: Mini xogo por equipos para tirar con precisión baixo presión. Se estoura un globo do parapeto, o Grinch restará puntos a todo o equipo. Os mellores pasarán á fase final de “A Traizón” (morte súbita).
🎅 Concurso de caracterización
Animámosvos a vir caracterizados polo Nadal. Haberá premio á Mellor Caracterización, valorando orixinalidade, nivel de detalle (de pés a cabeza) e integración de elementos do Nadal no equipo de tiro, sempre garantindo a seguridade.

🥂 Fin de festa
Tras a entrega de premios (19:45), compartiremos uns pinchos de confraternidade para celebrar xuntos estas datas tan sinaladas.
Non agardes máis: inscríbete antes do 14 de decembro. Vémonos na liña de tiro!
Esta actividade conta coa colaboración do Concello de Teo, área de Deportes, e agradecemos o seu apoio para facer posible este evento.




Use the share button below if you liked it.
It makes me smile, when I see it.